Friday 17 de May de 2024

XXX Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño


Enviamos imaxes do XXX Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño, disputado ao longo desta tarde no campo municipal dos Corrás (campo da piscina) cos encontros entre as cadetes da SD O Val e o equipo feminino do CD As Pontes, ambas formacións creadas este ano. As valexas, xogaron con decisión e facéndolle fronte ás máis veteranas das Pontes, que acabarían vencendo pola mínima de 1 gol a 0.

No serán tamén se xogou o derbi local entre o CF San Sadurniño e a UDC Narahío. Os de San Sadurniño dominaron claramente a primeira parte e un bo bocado da segunda, tempo no que marcaron os dous tantos que deixarían o trofeo nas súas vitrinas do campo da piscina. O Narahío tentou reacciónar no último cuarto de hora e foi capaz de crear máis ocasións e de ofrecer un xogo de maior calidade que, porén, non lle serviu para mover o marcador do 2-0 final.

Esta 30ª edición do Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño quedará para a historia como a primeira en que se xogarán dous partidos, un feminino e outro masculino, como xeito de “promover o deporte en igualdade”, tal e como comentou o concelleiro titular da área, Manel Martínez.

Un compromiso que tamén se visibilizou coa reivindicación “Polo deporte libre de machismo. #ACABOUSE” escrita nunha grande pancarta que foi estendida polos catro equipos participantes no trofeo.

Tamén se estrearon agasallos para as escuadras campioas e subcampioas: unha reprodución do castelo de Naraío imprimida en 3D. Ademais o trofeo inicia nova etapa organizativa, xa que a intención do Concello é que os partidos se alternen de ano en ano entre o campo dos Currás e o da Veiga.